viernes 26 de junio de 2009

25º aniversario do traslado dos restos mortais de Castelao á Galiza

O 28 de xuño de 1984 Castelao voltou a Galiza.
A Asociación Veciñal da Agra do Orzán lembra esta data publicando no seu blogue a retransmisión en directo daquel momento, feita pola TVE en Galiza, baixo a narración de María Tareixa Nabaza, e a dirección de Alexandre Cribeiro.
Sirva de homenaxe a estes dous demócratas esta pequena contribución da Asociación, xa que grazas a eles temos constanza gráfica.

25º aniversario da traída dos restos de Castelao.

O domingo día 28 cúmprese o 25 aniversario da traída dos restos mortais de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao.

http://gl.wikipedia.org/wiki/Alfonso_Daniel_Rodr%C3%ADguez_Castelao

É imprescindíbel para comprender o presente ter consciencia do pasado.

Por iso ofrecemos o vídeo da chegada a Santo Domingos de Bonaval do cadaleito do político galego.

Asemade descríbense os acontecementos que rodearon aquel feito, moi afastados do que sería a vontade do propio Castelao.


O contexto.

Había que lexitimar a nova estrutura de estado. A Constitución, traxe a medida feito para que a “democracia orgánica” pasase a chamarse “monarquía parlamentaria”, entrara en vigor tres anos antes e o desenvolvemento político-administrativo na Galiza estaba no “albor”.

Unha fráxil democracia, sustentada no continuísmo por contra da “ruptura democrática”, debía, no formal, dar rexos golpes de temón reflectidos nun caderno de bitácora escrito de antemán, coa cúpula militar como vixía na cofia, e ancoradoiro no peirao do Borbón, antípoda do porto da lexítima República obrigado a abandonar corenta anos atrás de forma tan dramática e sanguinolenta.

A primeira lexislatura do Parlamento de Galiza debía servir a esa cruzada nacional-católica: lexitimar nestas provincias galaicas do nordés o novo “estado de dereito” nun exercicio hipócrita de supervivencia da elite tardofranquista e reprimir, coa contundencia necesaria, calquera proposta ou visión alternativa.

Mais aquela visión alternativa non era, en stricto senso, iso, alternativa; máis, se cabe, era a visión que lle correspondería a esta nación, ao conxunto do estado español, se o golpe do estado do 36 non existira.

O nacionalismo defendía a única posición congruente, coa historia e co tempo: o Estatuto do 36, a última vontade da Galiza da II República, fusilada por Franco e o “alzamiento” e que recibira o tiro de graza nos Pactos da Moncloa.

A contundencia coa que se aplicou o novo réxime foi obvia desde o primeiro momento. A nova norma estatutaria, o Estatuto dos 16, excluíu ao nacionalismo. Tentouse darlle suposta carta de lexitimidade a todo o proceso coa inclusión de representantes do Partido Obreiro Galego e o Partido Galeguista. A manifestación de Vigo do 79 e o resultado da referenda popular foi bastante nidia. A primeira Xunta morrera antes de nacer.

Por iso o Parlamento galego debía, canto menos, someter calquera discrepancia alén do camiño trazado, cando non, aniquilala. O parlamento non podía converterse na plataforma, no escaparate, no altofalante da verdade histórica, da memoria histórica. Que ironía. E así fixo co nacionalismo.

E abríronse dúas frontes: na política, apartando das institucións ao nacionalismo. E na historia, macelando, imposíbel na vida, máis sagrado porén, na súa morte, o símbolo da Nación, a Castelao.

Resulta máis que evidente, co paso dos anos, que a secuencia de acontecementos estaba orquestrada coma unha perfecta sinfonía. Primeiro deslexitimábase a expresión e vontade política dunha parte da sociedade e posteriormente espiábase a súa historia nun cobarde acto de tortura camiño da perda da nosa identidade.


A aniquilación da vontade política.

O nacionalismo na Galiza era o PSG e a UPG. Calquera outra formación ou organización ou ben era vasala do españolismo ou, se non, do independentismo. A primeira lexislatura do parlamento galego foi o froito da expresión popular emanada das eleccións celebradas o 20 de outubro de 1981. Debuxaron unha fragmentación parlamentaria propia do tempo e do espazo. Mais era deber simplificar a ecuación e o “xe” a despexar tiña nomes a apelidos: Lois Diéguez, Claudio López Garrido e Bautista Álvarez, deputados da coalición BN-PG-PSG.

Co pretexto da aprobación do regulamento do funcionamento da cámara parlamentar estes deputados foron esixidos de xurar o texto constitucional con posterioridade á súa toma de posesión, obrigándoselles, en troques, a abandonar o exercicio das súas funcións. Acometíase, nun chamado estado de dereito, a aplicación dunha nova norma con efecto retroactivo. Testemuñas desta violación básica da xurisprudencia máis común, cómplices da falcatruada da elite político-administrativa representada por Gerardo Fdez. Albor, Mariano Rajoy e Antonio Rosón, participaban as que se poderían considerar forzas progresistas do momento: Partido Comunista de Galiza, Esquerda Galega e o PSOE-PSdeG.

O texto regulamentario fora aprobado na cámara o primeiro de xuño de 1982, e comezou a aplicarse xusto un mes máis tarde; nove meses despois da toma de posesión dos parlamentarios.

O 23 de novembro de 1982, xusto un ano despois do comezo da primeira lexislatura do parlamento a vontade da expresión política do nacionalismo era eliminada da institución…

http://www.parlamentodegalicia.es/sites/ParlamentoGalicia/BibliotecaDiarioSesions/D10017.PDF

(Diario de Sesión do PG núm. 17, 23 de novembro de 1982);

http://www.elpais.com/articulo/espana/ESPAnA/GALICIA/GALICIA/BLOQUE_NACIONAL_POPULAR_GALEGO_/BNPG/PARTIDO_SOCIALISTA_GALEGO/Incidentes/Parlamento/Galicia/expulsion/parlamentarios/nacionalistas/elpepiesp/19821125elpepinac_16/Tes/

(crónica en “El País” da expulsión dos parlamentarios, 25 de novembro de 1982).


A aniquilación da nosa historia.

Sen a amplificación parlamentaria o apropiarse da historia pasaba polo aldraxe ao símbolo.

O dous de agosto de 1983, con estío e aleivosía, como rexe o decimonónico costume da administración pública, presentábase o “proxecto non de lei sobre o traslado a Galicia dos restos de Castelao”.

http://www.parlamentodegalicia.es/sites/ParlamentoGalicia/BibliotecaBoletinsOficiais/B10151.PDF

B.O.P.G. onde se recolle a admisión a trámite da proposición non de lei, o texto da mesma e a apertura do período de presentación de emendas, 12 de setembro de 1983.

Con cómplices ou sen eles. Aínda que xa non facía falla.

Desde ese intre comezou o proceso administrativo que culminou o 7 de outubro de 1983, e polo cal o Parlamento de Galiza aprobaba o proxecto definitivo, sempre sometido á vontade da familia aínda viva, a súa irma Teresa.

http://www.parlamentodegalicia.es/sites/ParlamentoGalicia/BibliotecaDiarioSesions/D10050.PDF

Diario de sesións onde se recolle a intervención e presentación da proposición non de lei e as distintas emendas ás mesma, 7 de outubro de 1983

http://www.parlamentodegalicia.es/sites/ParlamentoGalicia/BibliotecaBoletinsOficiais/B10164.PDF

B.O.P.G. coa publicación do texto definitivo, 17 de outubro de 1983

Finalmente, cun macabro sentido do humor, un 28 de xuño, no 1984, Castelao regresaba á patria.

Mais alí estaba o nacionalismo.

E a televisión.

E a testemuña gráfica que quedou grazas a persoas comprometidas e democráticas.

http://www.elpais.com/articulo/cultura/RODRiGUEZ_CASTELAO/_ALFONSO_DANIEL_/ESCRITOR/GALICIA/restos/Castelao/seran/enterrados/hoy/Panteon/Galegos/Ilustres/junto/Rosalia/Castro/elpepicul/19840628elpepicul_7/Tes/

Crónica de “El País”, o día da traída dos restos de Castelao, 28 de xuño de 1984.

http://www.elpais.com/articulo/espana/RODRiGUEZ_CASTELAO/_ALFONSO_DANIEL_/ESCRITOR/GALICIA/Dimite/organizador/traslado/restos/Castelao/elpepiesp/19840701elpepinac_15/Tes/

Crónica de “El País” cobre o cese fulminante do Director do Centro Territorial da TVE en Galiza

http://www.xornal.com/artigo/2009/06/21/suplementos/estratexias/descarga-contexto-pdf/2009062119033934085.html

Suplemento do “Xornal” ao conmemorarse este 25º aniversario

video
Se tes problemas para ver este vídeo enlázate:

lunes 15 de junio de 2009

Consulta aos pais

Cando ao conselleiro de Educación se lle pregunta o motivo para derrogar o actual decreto do galego responde que é para superar a súa conflitividade. Porén, nunca na escola a houbo por mor do galego. A cativa oposición ao decreto naceu do seu propio partido, ao rexeitar o consenso existente e apoiar a Galicia Bilingüe.

En consecuencia, se quixese evitar o conflito tería, en boa lóxica, que deixar de axudar a ese colectivo crispador e facer que o seu partido volvese ao razóabel consenso que había do Parlamento en pleno e da comunidade educativa.

Outra falacia que cometen o conselleiro e o seu secretario xeral de Política Lingüística, Anxo Lorenzo, é a de repetiren que houbo unha imposición do galego, que só eles ven, cando o actual decreto só chegaba a fixar un uso equilibrado do 50%.

O que si constitúe unha verdade é que cos proxectos da nova Xunta se quere diminuír aínda máis o número de galegofalantes e que os galegos e galegas teñan unha boa competencia na nosa lingua, impoñendo arteiramente o castelán. Á actual Xunta non parece preocuparlle a posíbel desaparición da nosa lingua do sistema educativo nin a súa pervivivencia no seo da poboación de Galiza.

Calquera pai ou nai debería saber que se desexa que os seus fillos sexan realmente multilingües terán tamén, no caso da nosa lingua, que utilizala na aprendizaxe, non só como materia. A lingua é a máis sobranceira expresión do noso patrimonio inmaterial e serve para a comunicación internacional cos centos millóns de falantes da lusofonía. Alén diso, convén lembrar que saber linguas, como o galego, potencia a intelixencia e as capacidades do neno. Por iso o prestixioso Informe Pisa asegura que os alumnos galegos teñen mellor dominio do castelán e do inglés que a media española.

Preténdese realizar unha consulta improvisada e irregular aos pais sen o máis mínimo rigor científico, sen rotulación oficial, sen controis externos do seu cómputo, sobre as materias troncais, coa finalidade real de rebaixar a presenza do galego nas escolas. Sospéitase de que se trata dunha consulta trampa. Dubídase de se con ela hai unha vulneración dos dereitos dos nenos a coñecer a súa lingua e unha inconstitucionalidade pola segregación derivada. Non existe a opción de que todo en galego. Non se considera a posíbel abstención que poida haber.

Mellor era que quedara todo como estaba, cun xusto equilibrio para cada lingua, como recomendan teimosamente os criterio pedagóxicos e a maioría do profesorado. Só elixindo a opción de todo en galego nas materias troncais, pois das outras non se fala, garántese que se vai cumprir co 50% para o ensino en galego e en castelán na educación primaria, na secundaria e na formación profesional. Na consulta de educación infantil, para evitarmos a súa rebaixa, habería que sinalar na primeira pregunta que a lingua inicial é a galega.

Parece que os intereses políticos dalgúns contan máis que os principios pedagóxicos e a calidade educativa de todos. Para distraer da crise esta Xunta entra no terreo visceral da lingua. Semella que se busca a confrontación e a división sociais. O curioso é que non se consulte aos que saben máis destas cuestións: aos profesionais do ensino.

Incríbel a ousadía desta Xunta! Pode chegar a ter un problema moi grave, máis que coa oposición dos socialistas e nacionalistas, nos centros escolares de primaria e de secundaria cos profesores e profesoras. O que comezou sendo un xogo de demagoxia electoral vaise converter nunha grande ameaza para o sistema educativo.


Manuel Miragaia

domingo 7 de junio de 2009

Fotografías da prantación de árbores

Desde este venres, o noso barrio conta con máis árbores, despois de que algúns veciños contrarios ao plan urbanístico para o barrio proposto polo concello, e membros desta asociación e a Plataforma polo Parque do Agra, decidisen plantar dúas árbores no pouco espazo verde que queda no Observatorio Meteorolóxico.

Así que aquí están á vosa disposición as fotografías do acto.




jueves 4 de junio de 2009

Día Mundial do Medio Ambiente

A “Plataforma polo Parque da Agra” e a “Asociación de Veciños da Agra do Orzán” plantarán unhas árbores como crítica ao exceso de cemento no barrio e na cidade da Coruña

A “Plataforma polo Parque da Agra” e a “Asociación de Veciños da Agra do Orzán” teñen pensado realizar a plantación de árbores este venres día 5 de xuño, ás 7 da tarde, nos terreos do Observatorio Meteorolóxico (entrada pola rúa Canceliña) como celebración do Día Mundial do Medio Ambiente.

Con esta acción, para a que se anima á participación de todos os veciños e veciñas da Agra do Orzán, preténdese simbolizar a oposición a que se especule cos terreos públicos do Observatorio –correspondentes ao Ministerio de Medio Ambiente- e cos privados que os arrodean. Os veciños e veciñas da populosa Agra non queremos que no único espazo libre que queda na nosa zona se constrúa unha macrourbanización de vivendas, no canto do parque ou zona verde que necesitamos e que desde hai anos vimos demandando.

Queremos expresar a nosa radical oposición á política urbanística “desarrollista” que se segue a manter polo Concello da Coruña, que vai acabar por cubrir toda a súa superficie de cemento. Só con desprazármonos, por exemplo, á cidade de Santiago de Compostela podemos comparar a enorme diferenza entre as políticas urbanísticas dos dous concellos. Na cidade compostelá creáronse nos últimos anos amplas e numerosas zonas verdes repartidas polos seus barrios, mentres que na Coruña se seguen a construír grandes edificios pegados uns aos outros, sen zonas verdes que os esponxen, deteriorando definitivamente a calidade de vida dos seus moradores.

Nunha data tan especial como é a do Día Mundial do Medio Ambiente desexamos manifestar a nosa defensa dos valores ecoloxistas, da conveniencia de conservar o noso medio natural e da necesidade de creación de zonas verdes e espazos de lecer nos entornos urbanos masificados, como o que representa o noso barrio da Agra do Orzán.

Nós plantamos árbores, mentres o Concello da Coruña arrincou hai uns meses os poucos que había na rúa Barcelona, converténdoos en leña. Velaí o ecoloxismo da Concellaría de Urbanismo e do señor Alcalde!

Por unha calidade de vida para A Agra!

Polo Parque que necesitamos!

Parque si, vivendas non!

martes 26 de mayo de 2009

A Opinión do Barrio

Hoxe queremos expor a reflexión feita por un veciño do barrio, pola polémica xerada por Núñez Feijoo, de querer cambiar a lei de normalización lingüística para que na nosa cidade coexistan os dous topónimos, o A e o La

O Cambio.

Xa se empeza atisbar cambios impositivos, no breve goberno ata a data de Núñez Feijoo. Cambios como o da Lei de Normalización Lingüística para declarar a cooficialidade dos topónimos A Coruña e La Coruña. Isto vén por mor das noticias aparecidas en varios medios de prensa escrita, como o Ideal Galego , e A Opinión Da Coruña. Grazas a isto gustaríame recordar que moita xente aínda segue facendo mención escrita a ”La Coruña”, cousa que por descoñecemento ou simplemente por pura ignorancia, non saben que é totalmente incorrecta esa toponimia. Xa que se miramos a Lei 3/1983 de Normalización Lingüística sinala no seu punto 1 que os topónimos terán como única forma oficial a galega. A lei tamén sinala que un dous factores fundamentais dá recuperación dá nosa personalidade colectiva e dá súa potencialidade creadora e a lingua, por se-lo núcleo vital dá nosa identidade. Cousa que debería recordar o señor Feijoo por ser nado Galiza .
No punto 2, reflexa que lle corresponde á Xunta a determinación dos nomes oficiais dos municipios. E xa que os populares conseguiron a maioría absoluta nas eleccións autonómicas, xa logo, non teñen que apoiarse en ninguén, nin pedir apoio para o seu cambio. Cambio que aos poucos levaría a castelanización e o desarraigamento ideomático, que por desgraza o goberno popular parece que é o que pretende. Tamén se recolle no Decreto Lei 189/2003, do 6 de febreiro, polo que se aproba o nomenclátor correspondente ás entidades de poboación dá provincia dá Coruña.
Con todo isto quero dicir que aínda que o goberno popular teña o poder de cambio , deberíase de apsterse de realizalo , e conseguir arraigar máis o idioma no pobo que é o que nos dá a identidade. E preocuparse de facer política , ainda que seña de dereitas, e non botar por terra todo o traballo conseguido ata o de agora , que como segundo din as enquisas de que catro de cada dez persoas que non falaba galego agora empézano a facer.

Luis Barreiro Amil

jueves 21 de mayo de 2009

Manifestación da dignidade

Hoxe poñemos a disposición dos veciños o artigo escrito polo noso compañeiro Manuel Miragaia Doldán, que leva por título " Manifestación da dignidade". Se queredes podedes ver os seus artigos todos os mercores no xornal "Galicia hoxe" baixo o epígrafe de "Vento Fresco", ou senon na páxina web dese mesmos xornal http://www.galicia-hoxe.com.

As rúas de Compostela, desbordando as máis optimistas previsións, viviron o pasado 17 de maio a manifestación galeguista máis grande da historia. Unhas 40.000 persoas procedentes de todos os puntos de Galiza, de todas as idades e condicións, ateigaron, malia as pésimas condicións meteorolóxicas, de xeito cívico a zona vella compostelá para expresaren o seu compromiso coa lingua galega. Nunca se alcanzara tan elevada participación nunha manifestación pola defensa da nosa lingua e cultura. Nin sequera en ningún dos concorridos 25 de xullo se chegou a esa cifra de manifestantes. A grandiosidade e a emoción da xornada, na que miles de persoas expresaron con orgullo a súa galeguidade, a súa pertenza ao pobo galego, convertérona nun dos grandes fitos históricos de Galiza, como anos antes foi a masiva concentración popular polo Prestige.

Malia todo, a defensa da nosa lingua segue moi viva. Calquera cidadán consciente mobilizarase se sente ameazada a dignidade e a esencia do seu pobo. Rexeitará que se xogue coa súa lingua ao utilizala como un simple medio electoral, comprometendo a súa conservación e normalización, porque iso evidenciará o menosprezo que se ten con ela. A lingua é patrimonio común e a máis sobranceira criación das sucesivas xeracións dun pobo. É superior a calquera ideoloxía ou grupo político. Todos, mesmo os conselleiros da Xunta, teñen o dereito a usala e o deber de conservala. E o parlamentario ou cargo público que a descoñeza debería por respecto á cidadanía sentirse obrigado a estudala axiña.

A macromanifestación do domingo pasado e as declaracións dos principais dirixentes do BNG e o PSOE galego a prol da normalización da nosa lingua terían que facer reflexionar a Núñez Feijóo para que restaure o pasado consenso lingüístico, dinamitado unilateralmente polo seu partido. Debe lembrar tamén que os votos que obtivo son menos que os correspondentes á suma das outras dúas organizacións políticas.

Sería unha irresponsabilidade pola súa parte seguir guiándose por esa minoritaria e ultra asociación viguesa á que lle acaería mellor a denominación de España Monolingüe. A maioría dos galegos e galegas non subscriben as propostas conflitivas e lingüicidas dese grupo. Pretenderen segregar os estudantes segundo a lingua que utilicen ou que os pais decidan sobre o sistema educativo dos seus fillos, alén de ser un despropósito, resulta dificilmente realizábel polos custos económicos e os problemas legais que ocasionaría.

miércoles 20 de mayo de 2009

A Crise Do Leite

A Asociación de Veciños da Agra do Orzán, na cidade da Coruña, quere manifestar a súa preocupación pola situación na que se encontra na actualidade o medio rural galego, especialmente pola conxuntura grave dos produtores de leite.

Calquera país que desexe contar con autonomía alimentaria e cunha boa economía debe contar cun sólido medio rural que as sustente. Ademais, o medio rural galego sempre foi onde mellor se conservou a nosa lingua e cultura.

Porén, desde hai décadas vense producindo unha desertización do noso medio rural, agravada aínda máis a partir da entrada do noso Estado na UE. O goberno central e a súa ministrra Elena Espinosa aínda non se decataron da necesidade urxente de apoiaren ao sector leiteiro galego, a columna vertebral do noso agro, ameazado coa clausura inmediata das súas explotacións, por mor da políticas europeas que se seguen, nunca cuestionadas polas institucións estatais. Se isto chegase a suceder a economía galega sufriría un importante retroceso, o mesmo que a nosa autonomía como pobo.

Por todo o anterior, a Asociación de Veciños da Agra do Orzán desexa efectuar un chamamento a todos veciños e veciñas do populoso bairro coruñés da Agra do Orzán para que só merquen e consuman leite e derivados procedentes das granxas e explotacións gandeiras galegas. Débese evitar, por tanto, a adquisicón en tendas e supermercados das marcas brancas e do leite procedente de fóra.

Os máis de 40.000 veciños e veciñas da Agra tamén podemos contribuír activamente á causa xusta do mantemento e desenvolvemento dos sectores produtivos do noso campo.

domingo 17 de mayo de 2009

Día Das Letras Galegas adicado a Ramón Piñeiro López

BIOGRAFIA

Infancia

Ramón Piñeiro López naceu no seo dunha familia labrega da parroquia de Armea, concello de Láncara (Lugo), en maio de 1915. Tivo outros sete irmáns, dos que tres morreron sendo nenos. Era fillo de Vicenta López Fernández e de Salvador Piñeiro García, quen sempre demostrou unha preocupación pola cultura e pola educación dos seus pequenos superior á habitual naquela época entre a xente humilde. Isto, e a incipiente curiosidade e intelixencia de Ramón, explica que xa antes de chegar, con seis anos, á escola, o neno soubese ler, escribir e resolver algunhas operacións matemáticas. Se a escola non supuxo dificultades intelectuais para Ramón Piñeiro, adiantado con respecto aos seus compañeiros grazas á axuda familiar, si que lle causou un forte impacto ao facerlle percibir en toda a súa crueza a diglosia presente na sociedade.

Entre 1924 e 1928, Ramón Piñeiro cursou en Lugo o bacharelato elemental. Neses anos descubriu a literatura; tamén a literatura na súa lingua, que lle chegou da man dunha antoloxía de poetas nosos. Quedou impresionado ao decatarse de que o idioma de campesiños que a escola desprezaba era tan apto coma o castelán para as sutilezas da poesía.

Descubrimento do galeguismo

A precaria situación económica da familia impediu inicialmente que Ramón Piñeiro puidese continuar os seus estudos, polo que este regresou á casa para dedicarse aos labores do campo. Mais, aconsellada polo fillo do secretario do concello de Láncara, a familia resolveu enviar a Ramón a Sarria, onde levaría a contabilidade do comercio dun amigo do pai. Alí tivo Piñeiro os seus primeiros contactos co galeguismo. Subscribiuse ao diario El Pueblo Gallego, onde escribían artigos na lingua de Rosalía destacados intelectuais, como Ramón Otero Pedrayo. Ademais, cando en 1931 se proclamou a II República, o galeguista Lois Peña Novo foi falar á vila nun mitin que acabou de espertar as simpatías do mozo de Armea polo movemento que o orador defendía.

A finais daquel ano, Ramón Piñeiro volveu a Lugo para cursar o bacharelato superior axudándose da circunstancia de que unha súa irmá tiña traballo e casa naquela cidade. Alí medrou o seu sentimento galeguista, polo que fundou, canda os seus compañeiros de instituto, a Mocidade Galeguista de Lugo, da que foi secretario de cultura. A súa intelixencia e a súa entrega á causa levárono a relacionarse cos líderes do Partido Galeguista (PG) e a recibir deles importantes encargos, a pesar de ser aínda moi novo. A súa traxectoria culminaría coa súa elección como secretario do Comité Provincial do partido, o que o levou a implicarse fondamente na campaña a prol do Estatuto de autonomía.

A guerra

Cando, o 18 de xullo daquel mesmo ano, se produciu o levantamento militar contra o goberno, Ramón Piñeiro participou como representante do PG na comisión asesora do gobernador civil en defensa da República. Dende o momento en que os sublevados tomaron o control da situación, o mozo de Láncara estivo en perigo. En diversas ocasións tivo que esquivar, só ou coa axuda de compañeiros de estudos ou amigos da familia afectos aos rebeldes, a detención e a morte. Finalmente, cando chamaron a súa quinta, incorporouse a filas, pois servir no exército dos sublevados semellaba a única opción de protexer a súa vida.
Axiña descubriu que tampouco no exército estaba a salvo das denuncias e que, aos perigos normais da guerra, debía sumar os que derivaban da súa filiación política durante os tempos da República. Á súa insegura situ
ación persoal uniu tamén Piñeiro a angustia que lle produciu comprobar como, a medida que se prolongaba o conflito bélico, as persoas que o rodeaban se ían insensibilizando e endurecendo. Agoniado ante a posibilidade de rematar coma elas, caeu na depresión. Desta experiencia xurdiu, unha vez superada a enfermidade, o seu interese pola filosofía, na que Piñeiro buscou a resposta á actitude deshumanizada que vira xeneralizarse ao seu arredor nos tres anos de guerra.

A loita clandestina

Así pois, rematada a contenda, Ramón trasladouse a Santiago de Compostela para estudar os anos comúns da carreira de Filosofía e Letras. En 1942 marchou a Madrid para cursar a especialidade de Filosofía.
En 1943 participou na reconstrución clandestina do PG e pasou a formar parte do seu Comité de Dirección. Aproveitou a súa estadía en Madrid para impulsar tres proxectos iniciais do partido: tomar contacto cos galeguistas exiliados, cos nacionalistas cataláns e vascos e co resto das forzas antifranquistas clandestinas.
No ano 46, axudado por nacionalistas vascos, Ramón Piñeiro cruzou os Pirineos a pé e, dende a fronteira, viaxou a París para entrevistarse co presidente do goberno republicano no exilio, José Giral. A súa misión era dobre: por unha banda, conseguir que se incluíse un ministro galego no dito goberno e que este fose Cast
elao, tal e como acordaran todas as forzas democráticas galegas; por outra, informarse dos plans e medios que o goberno tiña para derrocar o réxime de Franco. Conseguiu ambos os propósitos, mais quedou desolado ao constatar que o proxecto de Giral para rematar co franquismo era inxenuo e irrealizable, froito do descoñecemento da verdadeira situación que se vivía en España.
De volta a Madrid, Ramón Piñeiro foi prendido nunha reunión na que ía informar os outros grupos clandestinos das súas xestións en Francia. Foi condenado a seis anos de cárcere, dos que cumpriu tres.

A loita cultural

Vista a fortaleza que fora adquirindo o réxime franquista e o seu progresivo recoñecemento internacional, ao saír da cadea Ramón Piñeiro creu inviable continuar cunha decidida loita política na clandestinidade e optou pola loita cultural.
Tras operarse da vista, que se resentira dos tres anos de prisión, uniuse ao proxecto de levar adiante unha nova editorial, Galaxia, que lle dese cobertura legal ao galeguismo e permitirse facer públicas as súas ideas co fin de crear conciencia de país, especialmente entre as xeracións que estaban medrando baixo o férreo control ideolóxico do franquismo. Co mesmo propósito, tras instalarse en Santiago coa súa muller, Isabel López García, coa que casou en 1952, iniciaría o labor de entrar en conta
cto cos mozos que chegaban á cidade para cursar os seus estudos universitarios. Pola famosa mesa de braseiro da súa casa na rúa Xelmírez, 15 pasarían durante as dúas décadas seguintes moitos rapaces con inquietudes culturais e políticas.
Ramón Piñeiro foi o director literario de Galaxia e, dende ese posto, un dos principais artífices da reconstrución cultural galega da posguerra. Un dos primeiros propósitos da editorial foi crear unha revista, Grial, para a que non se conseguiría autorización gobernamental ata o ano 1963. Ramón Piñeiro e Francisco Fernández del Riego dirixiríana dende esa data e nela o primeiro publicaría máis de corenta colaboracións. Mais, previamente, esta publicación periódica foi saíndo do prelo de forma encuberta, como colección de libros de autoría múltiple. Na Colección Grial, que editou catro números antes de que as autoridades a suspendesen, publicou Ramón Piñeiro o seu primeiro ensaio filosófico: "Significado metafísico da saudade" (1951), de grande impacto nos medios intelectuais galegos e portugueses. Con esta obra demostraba sobradamente o que o goberno e moitos cidadáns poñían en dúbida: a capacidade da lingua galega para o xénero ensaístico e para a especulación filosófica.
Á saudade dedicaría Ramón Piñeiro outros catro traballos máis ("A filosofía e o home", "Para unha filosofía da saudade", "Saudade e sociedade, dimensións do home" e "A saudade en Rosalía") que, en 1984, reuniría no libro Filosofía da saudade. Dez anos antes, no volume Olladas no futuro, escolmara o máis significativo dos artigos que fora publicando dende o ano 49 en publicacións periódicas, nomeadamente en Grial. Ademais da creación orixinal, destaca no labor de Ramón Piñeiro a prol da cultura de Galicia e da dignificación da súa lingua a publicación de dúas traducións realizadas en colaboración con Celestino Fernández de la Vega: o Cancioneiro da poesía céltica, de Julius Pokorny, tradución que foi premiada pola editorial Bibliófilos Gallegos, e a conferencia de Martin Heidegger Da esencia da verdade. A significación que tiña a publicación en galego dun dos filósofos máis relevantes do momento, aínda non traducido ao castelán, non escapou ás autoridades, que puxeron reiterados atrancos á súa saída do prelo. A preocupación pola lingua galega de Ramón Piñeiro reflíctese tamén na súa dedicación á revisión e publicación do Diccionario gallego-castellano de Eladio Rodríguez González, que finara en 1949 sen sacar á luz o seu traballo lexicográfico.
En resposta ao afogamento da cultura galega que o franquismo practicaba sistematicamente, Ramón Piñeiro redactou un documento de denuncia que foi asinado por diversos centros galegos de América e repartido na nosa lingua, en inglés e en francés na VIII Asemblea Xeral da UNESCO (1954), causando o desconcerto entre a delegación española, presidida polo ministro de Educación. Xesús Alonso Montero deulle a este episodio o nome de "batalla de Montevideo".
A partir do ano 1966, Ramón Piñeiro foi convidado durante catro veráns ao Middelbury College de Vermont (EEUU) para impartir cursos sobre o a sociedade e o pensamento españois. En 1967 ingresou na Real Academia Galega co discurso A linguaxe e as linguas, en que, en opinión de Henrique Monteagudo, poden atoparse ecos dos estudos de sociolingüística que estaban xermolando naqueles anos nas universidades norteamericanas.

Volta á arena política

Durante os últimos anos do franquismo, Ramón Piñeiro ocupouse tamén de facilitar a creación dun partido socialista e outro de tendencia democristiá galegos, convencido de que "a maioría de idade política de Galicia tiña que consistir mesmamente en que deixase de existir un partido galeguista para que fosen galeguistas todos os partidos democráticos". Con todo, el non se integrou en ningunha destas formacións, pois coidaba que cumpría continuar facendo unha política cultural á marxe dos partidos que servise para galeguizar a parte da sociedade que non militaba en ningún deles.
A situación cambiou coa chegada da democracia e, con ela, da posibilidade da autonomía. Ramón Piñeiro comezou por apoiar diversos manifestos a prol da consecución dun auténtico autogoberno para Galicia e por participar na formación da sociedade de estudos e opinións Realidade Galega, que esixiu para o noso país un estatuto que lle garantise niveis de autonomía equivalentes aos do País Vasco e Cataluña. Nas primeiras eleccións democráticas foi candidato ao senado por Lugo nunha candidatura de unidade dos partidos que propugnaban o federalismo. A pesar de que a apoiaban o Partido Popular Galego (demócrata-cristiáns galeguistas), o PSG, o PSOE, o PC e o Movemento Comunista de Galicia, os seus resultados foron cativos. Preocupado por asegurar a presenza galeguista no primeiro Parlamento galego, cando chegaron as eleccións autonómicas aceptou a oferta do PSdeG-PSOE de ir como independente nas súas listas. Deste xeito, foi elixido deputado autonómico, o que lle deu a oportunidade de traballar a prol da Lei de normalización lingüística, aprobada por unanimidade en 1983. Nese mesmo ano, Ramón Piñeiro foi elixido presidente do primeiro Consello da Cultura Galega, cargo que ocuparía ata o seu pasamento en 1990.
mundo.


BIBLIOGRAFÍA



Libros

Olladas no futuro. Vigo, Galaxia, 1974.
Lembrando a Castelao. Santiago de Compostela, SEPT, 1975.
Filosofía da saudade. Vigo, Galaxia, 1984.
Fermín Penzol. Vigo, Galaxia, 2001.
Da miña acordanza. Memorias. Vigo, Galaxia, 2002.
Galicia. Vigo, Galaxia, 2002.
A linguaxe e as linguas. Vigo, Galaxia, 2008.

Prólogos

"Carta a Novoneyra", en Novoneyra, U.: Os eidos. Vigo, Galaxia, 1955.
"Limiar" a Maside, C.: 50 dibuxos de Carlos Maside. Vigo, Galaxia, 1959.
"As andadas literarias de Méndez Ferrín", en Méndez Ferrín, X. L.: O crepúsculo e as formigas. Vigo, Galaxia, 1961.
"Prólogo" a Lugrís, R.: Vicente Risco na cultura galega. Vigo, Galaxia, 1963.
"Prólogo" a Pondal, E.: Queixumes dos pinos. A Coruña, La Voz de Galicia, 1979.
Prólogo a Albert Robatto, M.: Rosalía de Castro y la condición femenina. Madrid, Ediciones Partenón, 1981.
"Alfredo Brañas e o galeguismo", en Brañas, A.: El Regionalismo: estudio sociológico, histórico y literario. Centro Cultural Alfredo Brañas,1982.
"Algunhas consideracións sobre Luís Pimentel", en Luís Pimentel. A Coruña, Real Academia Galega, 1990.
"Lembrando a Luís Pimentel", en VVAA: Luís Pimentel (1985-1958). Unha fotobiografía. Vigo, Xerais.

Artigos

"Saudade", en Gran enciclopedia gallega. T. 28. Santiago/Xixón, Silverio Cañada Editor, s.d.
"Retorno a Tagen Ata, por X. L. Méndez Ferrín", Grial 32, 1971, pp. 238-239.
"En percura do Castelao verdadeiro", Grial 47, 1975, pp. 17-23.
"[Castelao], mestre da concencia galega", Boletín de la Real Academia Gallega 32, 1975, pp. 106-108.
"Sobre o pensamento galego da xeneración Nós", Avriense 5, 1975, pp. 31-35.
"Vicisitudes históricas da cultura galega", Cuadernos del Laboratorio de Formas de Galicia 4. Inauguración da Galería Sargadelos en Madrid. Ediciós do Castro, 1975; pp.105-119.
"Castelao e Pondal, duas visións da nosa historia", Homenaxe a Castelao. Universidad de Santiago, 1976; pp. 55-59.
"Importancia decisiva da xeneración Nós", Grial 59, 1978, pp. 8-13.
"Carlos Maside na miña lembranza", en VVAA: Maside: un pintor para unha terra. Santiago de Compostela, Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, 1979, pp. 33-47.
"A Galicia de Seoane", Grial 65, 1979, pp. 288-92.
"A personalidade política de Fermín Penzol", Grial 73, 1981,pp. 279-88.
"Parolar con Rafael Dieste", Grial 78, 1982, pp. 467-69.
"Peculiaridades del nacionalismo gallego", Muga. Homenaje a Koldo Mitxelena, 1982, pp. 12-19
"A revista Grial", en Kremer, D. e Lorenzo, R. (eds.): Tradición, actualidade e futuro do galego. Actas do Coloquio de Tréveris, Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 1982, pp. 35-41.
"Consello da Cultura Galega", Grial 84, 1984, pp. 238-40.
"Castelao político", Anthropos 65, 1986, 38-41.
"Lembrando ao Cilistro [Celestino Fernández de la Vega]", Grial 95, 1987, pp. 13-22.
"Os contos de Ánxel Fole", Grial 95, 1987, pp. 113-14.
"O pensamento de Rosalía de Castro", Cadernos do Instituto de Estudos Valdeorreses 6, 1988, pp. 149-58.
"25 anos de Grial", Grial 100, 1988, pp. 135-37.
"Heidegger na cultura galega", Grial 103, 1989, pp. 384-89.

Discursos

A lingoaxe i as língoas. Vigo, Galaxia, 1967 [edición facsimilar, Consello da Cultura Galega, 1994]
"Resposta ao discurso de Andrés Torres Queiruga", en Torres Queiruga, A.: Nova aproximación a unha filosofía da saudade. Discurso lido na recepción pública de 20 de xuño do 1980 por Andrés Torres Queiruga. A Coruña: Real Academia Galega, 1981.
Discurso lido na sesión de aprobación. Lei de normalización lingüística. Santiago de Compostela, Publicacións do Parlamento de Galicia, 1983.
"Limiar" (resposta ao discurso de ingreso na Real Academia Galega de Marino Dónega), en Dónega, M: A memoria e os amigos. Trasalba, Fundación Otero Pedrayo, 1994.

Traducións (en colaboración con Celestino Fernández de la Vega)

Pokorny, J.: Cancioneiro da poesía céltiga. Santiago de Compostela, Editorial Bibliófilos Gallegos, 1952.
Heidegger, M.: Da esencia da verdade. Vigo, Galaxia, 1956.

Correspondencia

Fernández del Riego, F.: Un epistolario de Ramón Piñeiro. Vigo, Galaxia, 2000.
Alonso Girgado, L. e T. Monteagudo Cabaleiro.: Cadernos Ramón Piñeiro II. Ramón Piñeiro: cronobiografía e cartas. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2003.
Alonso Girgado e outros: Cadernos Ramón Piñeiro V. Cartas de Ramón Piñeiro a Ricardo Carballo Calero. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2004.
Allué Andrade, X. L.: Cartas a un mozo galego. Vigo, Galaxia, 2005.

Entrevistas:

Fdez del Riego: Galicia Emigrante, 11, 1955, pp. 16-17.
X. Díaz Sixto: Grial 36, 1972, pp. 197-201.
V. Freixanes: Unha ducia de galegos. Vigo, Galaxia, 1982, pp. 103-124.
C. Casares: Seiva 2, 1989, pp. 135-146.
L. Álvarez Pousa: Tempos Novos 43, 2000, pp. 64-71.

Sobre Ramón Piñeiro e o seu tempo

Alonso Girgado, L. e T. Monteagudo Cabaleiro.: Cadernos Ramón Piñeiro II. Ramón Piñeiro: cronobiografía e cartas. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2003.
Alonso Montero, X.: A batalla de Montevideo. Os agravios lingüísticos denunciados na Unesco en 1954. Vigo, Xerais, 2003 (inclúe edición facsimilar da Denuncia diante a Unesco da perseguizón do idioma galego pol-o Estado Hespañol. Bos Aires, 1954 ).
Casares, C.: Ramón Piñeiro. Unha vida por Galicia. Vigo, Galaxia, 2005.
Dasilva, X. M.: "Ramón Piñeiro e a prohibición de traducir ao galego", en Grial, 179, 2008.
Fernández del Riego, F.: A xeración Galaxia. Vigo, Galaxia, 1996.
Ferreiro, Ch. e I. Pena (coords.): Encontro Ramón Piñeiro. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2006.
Forcadela, M.: Cadernos Ramón Piñeiro VIII. Diálogos na néboa, Álvaro Cunqueiro e Ramón Piñeiro na xénese da literatura galega de posguerra. Santiago de Compostela, Xunta de Galicia, 2005.
Franco Grande, X. L.: Os anos escuros. Vigo, Galaxia, 2004.
García Turnes, B.: Vida e obra de Ramón Piñeiro. Escolma de textos. Galaxia, 2009.
Monteagudo, H.: "Limiar", en Ramón Piñeiro: A linguaxe e as linguas. Vigo, Galaxia, 2007.
Monteagudo, H.: "Ramón Piñeiro, a Editorial Galaxia e a Real Academia Galega (1950-1962). Estratexias de resistencia idiomática fronte ao franquismo", en Grial 177, 2008.
Mourelle de Lema, M. (ed.), Ramón Piñeiro y su circunstancia. Madrid. Grugalma, 1993.
Santamarina Fernández, A.: A linguaxe e as linguas. Ramón Piñeiro revisitado ós 30 anos dos eu ingreso na Real Academia Galega. A Coruña, RAG, 1998.
VVAA: "Ramón Piñeiro (1915-1990)", Grial, 111, 1991.
VVAA: Homenaxe a Ramón Piñeiro. Fundación Caixa Galicia, A Coruña, 1991.
VVAA: Lembranza de Ramón Piñeiro. Catro discursos. Santiago, Xunta de Galicia, 1994.

jueves 14 de mayo de 2009

Xuntanza a prol do Galego

Onte 13 de Maio, ás 5 da tarde na Casa das Ciencias , que se atopa no Parque de Santa Margarida, xuntáronse un grupo de pais e nais acompañados das suas crianzas para dar lectura a un manifesto a favor do galego no ensino.
Achegámosvos unhas fotos do acto e o manifesto lido polos pais e nais asistentes.



Manifesto:

Somos nais e pais. Por iso queremos o mellor para as nosas fillas e fillos. Queremos que sexan felices e queremos que medren en liberdade e para iso é esencial un ensino de calidade que os forme como persoas e como cidadáns. A liberdade que dá o coñecemento desaparece cando se ignora unha parte esencial da cultura na que as nenas e nenos viven. Para escoller entre dous sons, hai que escoitar ambos. Non queremos unha escola xorda e muda ao galego.

Somos persoas responsábeis e estamos formando a sociedade do futuro. Por iso queremos que as nosas fillas e fillos, falen a lingua que falen, poidan entender e dirixirse na súa lingua á xente que fala en galego cando dentro duns anos traballen nun hospital ou nun centro educativo, cando sexan xuíces ou cando atendan nun comercio.

Somos cidadás e cidadáns. Por iso nos preocupa a violencia coa que certos grupos de poder falan da nosa cultura e da nosa lingua. A sociedade galega é pacífica, é aberta, é extensa máis alá das súas fronteiras. Non nos pechemos en dous tons, a vida é de cores. Non queremos ser nós e eles, queremos formar parte dunha sociedade unida á que dea unha nova tonalidade cada persoa nova que chegue.

Somos galegas e galegos. Algúns nacemos aquí, outros na outra beira do mar. Moitos falamos cos nosos fillos e fillas en galego. E outros en castelán. E en francés ou en inglés. Mais todas estamos orgullosas e orgullosos da lingua de Galiza e a todos nos gusta encher a boca de galego, saborealo. E queremos que os nosos nenos o poidan facer cando xogan, cando ven unha película ou cando escoitan música no seu mp3, para que tamén se poidan sentir orgullosos do galego. Non queremos que os nosos nenos abandonen a lingua que día a día lles entregamos.

Somos nais e pais. Temos que defender o galego como defendemos o mar, como defendemos os montes, como defendemos o ar que respiramos. É parte do noso patrimonio e parte do patrimonio que lles legaremos aos nosos fillos. Polos nosos fillos e fillas, manifestarémonos en Santiago de Compostela o vindeiro 17 de maio.

miércoles 13 de mayo de 2009

17 de Maio Día das letras Galegas

Como todos ben sabedes o día 17 de Maio é o Día das Letras Galegas, pois desde esta asociación pareceunos oportuno contar a historia de como nace ese día, e que personaxes axudan a dignificar a nosa lingua.

A historia do Día das Letras Galegas comeza formalmente en marzo de 1963, cando tres membros numerarios da Real Academia Galega, Francisco Fernández del Riego, Manuel Gómez Román e Xesús Ferro Couselo, envían unha carta ao presidente da institución, Sebastián Martínez Risco, coa seguinte proposta:


Con motivo de se celebrar no presente ano o Centenario da pubricación de "Cantares gallegos" de Rosalía de Castro, os membros numerarios que subscriben someten á consideración da Xunta xeneral da "Real Academia Gallega", a seguinte proposta:

1º.- Todos sabemos que o libro rosalián editado en 1863, ten sido a primeira obra maestra con que contóu a Literatura Galega Contemporánea. A súa aparición veu a lle dar prestixio universal á nosa fala como instrumento de creación literaria. Representa, pois, un fito decisivo na historia da renacencia cultural de Galicia.

2º.- A celebración do centenario diste acontecimento, convida a reconsiderar o siñificado do mensaxe transmitido nos "Cantares". Un mensaxe que, tanto como esprito e pobo, tanto como universalismo e galeguidade, foi, estéticamente, un mensaxe de palabra e poesía.

3º.- Velahí por qué, ademáis dos aitos conmemorativos que se orgaícen pra reaitualizar na conciencia das xentes o acento de tal mensaxe, a Academia -como órgano oficial da nosa cultura- debería consagrar, con caracter de perdurabilidade, o simbolismo da data nunha celebración anual.

4º.- O millor xeito de o conseguir sería que acordase decrarar Día das Letras Galegas, o 17 de maio de cada ano, a partir do presente. Contaríase así, pra o porvir, cunha xornada oficialmente adicada a honrar ós nosos libros. O día 17 de maio de cada ano viría ser a data destinada a recoller o latexo material da actividade inteleitual galega.

5º.- Ninguén desconoce que o libro ten unha forza simbólica estraordinaria. Sendo a amosa máis reveladora do nivel cultural dos pobos, non é de estranar o afán de esparexelo e de lle abrir camiños pra ensanchar o ámpido dos seus leitores. No caso de Galicia, ningunha data máis axeitada pra enaltecer e difundir o libro eiquí producido, que a que conmemora a pubricación da obra coa que se encetóu o prestixio contemporáneo das Letras galegas.

6º.- De atopar eco no acordo dos numerarios da Corporación o contido dista proposta, compriría dalo a conocer en Nota oficial, recabando a colaboración dos centros culturás de Galicia e a de todos os Centros Galegos do mundo, pra percurar o ésito consagratorio da celebración.



A lingua galega únenos


Hoxe poñemos a disposición dos veciños o artigo escrito polo noso compañeiro Manuel Miragaia Doldán, que leva por título " A lingua galega únenos". Se queredes podedes ver os seus artigos todos os mercores no xornal "Galicia hoxe" baixo o epígrafe de "Vento Fresco", ou senon na páxina web dese mesmos xornal http://www.galicia-hoxe.com.


De entre todas as características que nos definen aos galegos como pobo diferenciado habería que salientar a máis esencial de todas, que é a contarmos cunha lingua propia. Se non tivésemos ese grande patrimonio inmaterial da lingua sería máis difícil que chegásemos a alcanzar o status de nación -nacionalidade segundo a Constitución vixente-, que quedaría, seguindo a Ernest Renan, só na vontade da cidadanía. Existiría un estado das autonomías sen galego, catalán e éuscaro? Abofé que non. As catro provincias galegas serían unhas máis dentro do conxunto dun uniforme e centralizado Estado español. Tampouco habería Xunta nin Núñez Feijóo, polo tanto, podería ser o seu presidente.

Os máis conscientes galegófobos non o son porque consideren que a lingua galega sexa menos válida que a castelá para a expresión oral ou escrita ou porque crean que o coñecemento do galego nas institucións escolares aumenta a incultura e o fracaso escolar, senón por puros criterios políticos recentralizadores. Trataríase de borrar o sinal de identidade máis esencial para recuar cara a un estado máis unitario. Os intereses económicos e políticos da Vila e Corte e a implantación dun bipartidismo estatalista que facilite o control social e a gobernabilidade están detrás de todo este proceso. Ese grupiño chamado Galicia Bilingüe constitúe a punta de lanza no noso País dunha estratexia cociñada fóra. Por medio dela téntase tensionar a sociedade galega con falacias e medias verdades, dividila e mesmo rematar con décadas de paz lingüística.

Non hai nada mellor que a lingua dun pobo para establecer pontes entre os seus habitantes. A lingua galega, independentemente da clase social ou da ideoloxía de quen actúe como emisor ou receptor, posibilita a comunicación entre os galegos e permite que se vehiculice de maneira máis nidia e natural o noso espírito. Únenos aos galegos e galegas. Fainos ser unha comunidade semántica, de concepcións da vida. Ao nos expresar na nosa lingua afirmamos que nos recoñecemos como galegos e que como tales queremos continuar existindo.

Cos datos preocupantes do declive do medio rural e polas insuficientes políticas da normalización no ambiente urbano e entre a mocidade, que levan a unha perda continua de falantes, neste mes no que se celebra o litúrxico Día das Letras Galegas poucas veces estivo tan xustificado lembrar a necesidade premente de conservarmos o noso idioma e a nosa cultura. A normalización do galego -a lingua que nos une- en todos os ámbitos, especialmente o escolar, non debe sufrir retrocesos por mor de calquera avatar político.

viernes 8 de mayo de 2009

Viaxe no tempo en tranvía

Un vídeo filmado nas décadas dos 60 e 70, sobre os troles e tranvías da cidade, permite ver como era a cidade herculina fai 40 anos

O documental foi subido a Youtube coa seguinte explicación: "É un documental gravado en España na década dos 60 e 70 por un grupo de ingleses e que estaba patrocianado por " The London Trolleybus Preservation Society" e titúlase "The Q1`s in Spain", Q1 é o modelo do autobús mais concretamente era un "BUT-AEC-Leyland-Q1" fabricado e carrozado por The Britsh Leyland para operar en Londres, e que foron comprados de segunda man en varias cidades de España, entre elas a Compañía de Tranvías de Coruña".
Á marxe dos detalles técnicos dos autobuses e tranvías que aparecen no vídeo, as diferentes vistas da cidade que ofrece non teñen desperdicio. Cantóns, Juan Flórez, San Roque,... ofrecían un aspecto moi distinto ao que teñen actualmente, e permiten soñar cunha pequena viaxe no tempo.

jueves 7 de mayo de 2009

Visitas guiadas ao Observatorio da Coruña

A Asociación de Veciños da Agra do Orzán organiza unhas visitas guiadas para público en xeral ao Observatorio Meteorolóxico de Galiza, pertencente á Axencia Estatal de Meteoroloxía do Ministerio de Medio Ambiente, situado na Coruña. Celebraranse os días 12, 14 e 21 de maio ás 12 horas da mañá. Estas visitas guiadas constitúen unha extraordinaria oportunidade de coñecer un dos mellores observatorios meteorolóxicos europeos da actualidade. Cada un deses días de visita poderán asistir un máximo de 20 persoas. Cabe a posibilidade tamén de facer reservas para centros escolares. As persoas interesadas en realizar a visita guiada poderán chamar desde desde as 18 ás 19 horas en días laborabéis ao teléfono 981- 261044.

Asociación de Veciños da Agra do Orzán quere dar a coñecer e mesmo popularizar a todo o vecindario do barrio da Agra e tamén aos coruñeses e coruñesas en xeral as moi interesantes instalacións que mantén a Axencia Estatal de Metereoloxía na cidade da Coruña, e que cumprirán o ano que vén o seu 80 aniversario.

Por desgraza as instalacións deste edificio e o interior do seu recinto son descoñecidos para a maioría da cidadanía. O Concello da Coruña, a diferenza doutras instalacións museísticas e científicas da localidade, nunca o promocionou como parte dos percorridos escolares e das rotas turísticas da Coruña.

A Asociación de Veciños da Agra do Orzán enorgullécese de seguir contando no seu barrio desde o 1 de abril de 1930 co Observatorio, considerado un dos máis punteiros de Europa na súa especialidade. A día de hoxe o seu edificio constitúe o máis antigo e emblemático de toda A Agra do Orzán. O edificio do Observatorio e o seu cotorno axardinado merecen a súa conservación e a valoración da súa importancia científica e social.

martes 28 de abril de 2009

Foto veciñal


O noso veciño e compañeiro Manuel Miragaia pasounos esta imaxe dun cadro do século XIX, no que aparece a nosa zona da Agra do Orzán vista desde Santa Margarida. No fondo obsérvanse os muíños de vento que dominaban o espazo da actual Agra. O cadro, que se encontra no Palacio de Versalles, data de 1928, e foi realizado polo pintor francés Hippolyte Lecomte (1781-1857), que foi un pintor francés coñecido polas súas grandes pinturas históricas e debuxos de ballet.
O cadro que vemos aquí reproducido titúlase “Episode de la guerra d’Espagne en 1823, prise des retranchements de Sainte-Marguerite devant La Corogne, le 5 juillet 1823 (le général Bourke donnant ses ordres au général La Roche-Jaquelein qui s’opposent au général Quiroga )». A tradución sería: “Episodio da guerra de España en 1823, toma das trincheiras de Santa Margarida diante da Coruña, o 5 de xullo de 1823 (o xeneral Bourke dálle as súas ordes ao xeneral La Roche-Jaquelein, que se enfronta ao xeneral Quiroga)”.
Trátase da representación dun episodio da guerra desenvolvida no ano 1823, cando o rei Fernando VII lle pediu axuda a Francia para reinstaurar o absolutismo, provocando un retroceso nos avances políticos conseguidos desde a Constitución de Cádiz de 1812.”

jueves 23 de abril de 2009

Nova enquisa

Hoxe creamos unha nova enquisa para que deades a vosa opinión sobre o estado das obras de remodelación da rúa Barcelona. Tédela á vosa disposición na barra da dereita. Un Saúdo cordial e esperamos a vosa opinión.