Mostrando entradas con la etiqueta Campaña dos ascensores. Mostrar todas las entradas
Mostrando entradas con la etiqueta Campaña dos ascensores. Mostrar todas las entradas

martes, 3 de marzo de 2009

O Concello a piques de aprobar a "nosa" Normativa.

Unha normativa de rehabilitación que regule a instalación de ascensores para o seu uso polas persoas con dificultade de mobilidade a piques de ser aprobada na nosa cidade. Un éxito da Asociación Veciñal da Agra do Orzán.
A Xunta de Goberno Municipal aprobou o pasado venres, día 27 de febreiro, un primeiro documento regulador, que terá que ser referendado de forma definitiva no próximo pleno municipal do luns día 9. A nova lei, de seren aprobada, entraría en vigor o vindeiro 19 de abril, e segundo as palabras do propio concelleiro delegado de Rehabilitación Urbana e Vivenda, Mario López Rico, "(...)o que será inmediato será o trámite administrativo, que era o problema fundamental, porque moitas comunidades interesadas en colocar os elevadores dispoñen dos cartos ou teñen posibilidade de conseguilos mediante unha derrama extraordinaria, pero non poden facer fronte a un expediente de expropiación que se pode demorar pola vía dos contenciosos(...)".
Todas e todos os que estedes interesados por esta normativa lembrade que os plenos son públicos, polo que se queredes asistir tedes que presentarvos no propio Concello o luns antes do comezo co documento de identidade.
PARTICIPA! Asiste ao Pleno.

lunes, 2 de febrero de 2009

Ascensores nas casas vellas... un obxectivo conseguido!

Desde finais do ano 2006 a Asociación Veciñal da Agra do Orzán veu traballando nunha reivindicación social sentida no noso barrio: unha normativa que regule a dotación de ascensores nas casas vellas ou naquelas onde os seus inquilinos teñan dificultade de mobilidade e carezan desa infraestrutura. O martes 20 de xaneiro o Diario Oficial de Galiza publicaba a lei 18/2008, do 29 de decembro, da vivenda en Galiza, onde se recollía, no seu artigo 70, que "as administracións públicas competentes en materia de vivenda fomentarán a renovación e a rehabilitación (...)" das vivendas en Galiza. Este é o primeiro paso legal para que moitas persoas poidar ter unha vida normal e poidan saír das "súas casas-prisións".
O compañeiro Manel Cambón foi o responsábel da campaña e a persoa que mellor coñece a situación no barrio. A continuación ofrécese a entrevista que no seu día se lle realizou e que saíu publicada no boletín informativo da Asociación.
Asociación Veciñal: como xurdiu a proposta dos ascensores?
Manel Cambón: a iniciativa foi promovida nunha reunión cuns amigos, os cales tiñan familiares con dificultades de mobilidade e non podían baixar da casa xa que estaban en cadeira de rodas e viven en casas sen ascensor.
A.V. : É aí onde xurde a iniciativa da recollida de sinaturas?
M.C.: De aí xurde a decisión. Pensábamos que a recollida de sinaturas era a demostración máis fiábel de que existe unha sensibilidade social ao respecto. Hai propietarios que se negan a facilitar un espazo para poder colocar un elevador xa que a lei horizontal non abarca a unha expropiación puntual por unha necesidade social evidente.
A.V.: Pero se terá que compensar a eses propietarios?
M.C.: Si, por iso se pide unha normativa municipal para que non se especule co valor dos metros cadrados necesarios para poder facer a obra e para que ningún propietario se quede sen a correspondente compensación.
A.V.: E canto tardastes en recoller as sinaturas?
M.C.: Recollemos máis de 3500 sinaturas nun mes!, no mes de maio do ano pasado. Isto amosa o sensibilizada que esta a xente con este tema xa que, quen máis ou menos, ten un parente ou un coñecido que sufre esta situación.
A.V.: E unha vez recollidas se presentaron no Concello?
M.C.: Presentámosllas a Mario López Rico que é o concelleiro de rehabilitación. Desde o primeiro momento preocupouse pola situación. Ademais informounos que a Xunta estaba elaborando unha nova Lei de Vivenda e que a proposta que presentabamos ía ser incluída nela vista a súa necesidade.
A.V.: E agora como está o proceso?
M.C.: O mércores 26 de novembro houbo unha asemblea na Asociación para a xente do barrio da Agra onde participou o propio concelleiro Mario L. Rico e onde se recolleron as propostas que a xente quixo aportar. E o 29 de decembro se aprobou a nova Lei de Vivenda de Galiza. Estamos esperanzados xa que despois de case dous anos de traballo os políticos responderon e é moi probábel que unha iniciativa veciñal por fin chegue a ser tida en conta.