miércoles, 13 de mayo de 2009
A lingua galega únenos
Hoxe poñemos a disposición dos veciños o artigo escrito polo noso compañeiro Manuel Miragaia Doldán, que leva por título " A lingua galega únenos". Se queredes podedes ver os seus artigos todos os mercores no xornal "Galicia hoxe" baixo o epígrafe de "Vento Fresco", ou senon na páxina web dese mesmos xornal http://www.galicia-hoxe.com.
De entre todas as características que nos definen aos galegos como pobo diferenciado habería que salientar a máis esencial de todas, que é a contarmos cunha lingua propia. Se non tivésemos ese grande patrimonio inmaterial da lingua sería máis difícil que chegásemos a alcanzar o status de nación -nacionalidade segundo a Constitución vixente-, que quedaría, seguindo a Ernest Renan, só na vontade da cidadanía. Existiría un estado das autonomías sen galego, catalán e éuscaro? Abofé que non. As catro provincias galegas serían unhas máis dentro do conxunto dun uniforme e centralizado Estado español. Tampouco habería Xunta nin Núñez Feijóo, polo tanto, podería ser o seu presidente.
Os máis conscientes galegófobos non o son porque consideren que a lingua galega sexa menos válida que a castelá para a expresión oral ou escrita ou porque crean que o coñecemento do galego nas institucións escolares aumenta a incultura e o fracaso escolar, senón por puros criterios políticos recentralizadores. Trataríase de borrar o sinal de identidade máis esencial para recuar cara a un estado máis unitario. Os intereses económicos e políticos da Vila e Corte e a implantación dun bipartidismo estatalista que facilite o control social e a gobernabilidade están detrás de todo este proceso. Ese grupiño chamado Galicia Bilingüe constitúe a punta de lanza no noso País dunha estratexia cociñada fóra. Por medio dela téntase tensionar a sociedade galega con falacias e medias verdades, dividila e mesmo rematar con décadas de paz lingüística.
Non hai nada mellor que a lingua dun pobo para establecer pontes entre os seus habitantes. A lingua galega, independentemente da clase social ou da ideoloxía de quen actúe como emisor ou receptor, posibilita a comunicación entre os galegos e permite que se vehiculice de maneira máis nidia e natural o noso espírito. Únenos aos galegos e galegas. Fainos ser unha comunidade semántica, de concepcións da vida. Ao nos expresar na nosa lingua afirmamos que nos recoñecemos como galegos e que como tales queremos continuar existindo.
Cos datos preocupantes do declive do medio rural e polas insuficientes políticas da normalización no ambiente urbano e entre a mocidade, que levan a unha perda continua de falantes, neste mes no que se celebra o litúrxico Día das Letras Galegas poucas veces estivo tan xustificado lembrar a necesidade premente de conservarmos o noso idioma e a nosa cultura. A normalización do galego -a lingua que nos une- en todos os ámbitos, especialmente o escolar, non debe sufrir retrocesos por mor de calquera avatar político.
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario