jueves, 14 de mayo de 2009

Xuntanza a prol do Galego

Onte 13 de Maio, ás 5 da tarde na Casa das Ciencias , que se atopa no Parque de Santa Margarida, xuntáronse un grupo de pais e nais acompañados das suas crianzas para dar lectura a un manifesto a favor do galego no ensino.
Achegámosvos unhas fotos do acto e o manifesto lido polos pais e nais asistentes.



Manifesto:

Somos nais e pais. Por iso queremos o mellor para as nosas fillas e fillos. Queremos que sexan felices e queremos que medren en liberdade e para iso é esencial un ensino de calidade que os forme como persoas e como cidadáns. A liberdade que dá o coñecemento desaparece cando se ignora unha parte esencial da cultura na que as nenas e nenos viven. Para escoller entre dous sons, hai que escoitar ambos. Non queremos unha escola xorda e muda ao galego.

Somos persoas responsábeis e estamos formando a sociedade do futuro. Por iso queremos que as nosas fillas e fillos, falen a lingua que falen, poidan entender e dirixirse na súa lingua á xente que fala en galego cando dentro duns anos traballen nun hospital ou nun centro educativo, cando sexan xuíces ou cando atendan nun comercio.

Somos cidadás e cidadáns. Por iso nos preocupa a violencia coa que certos grupos de poder falan da nosa cultura e da nosa lingua. A sociedade galega é pacífica, é aberta, é extensa máis alá das súas fronteiras. Non nos pechemos en dous tons, a vida é de cores. Non queremos ser nós e eles, queremos formar parte dunha sociedade unida á que dea unha nova tonalidade cada persoa nova que chegue.

Somos galegas e galegos. Algúns nacemos aquí, outros na outra beira do mar. Moitos falamos cos nosos fillos e fillas en galego. E outros en castelán. E en francés ou en inglés. Mais todas estamos orgullosas e orgullosos da lingua de Galiza e a todos nos gusta encher a boca de galego, saborealo. E queremos que os nosos nenos o poidan facer cando xogan, cando ven unha película ou cando escoitan música no seu mp3, para que tamén se poidan sentir orgullosos do galego. Non queremos que os nosos nenos abandonen a lingua que día a día lles entregamos.

Somos nais e pais. Temos que defender o galego como defendemos o mar, como defendemos os montes, como defendemos o ar que respiramos. É parte do noso patrimonio e parte do patrimonio que lles legaremos aos nosos fillos. Polos nosos fillos e fillas, manifestarémonos en Santiago de Compostela o vindeiro 17 de maio.

No hay comentarios:

Publicar un comentario