MANUEL MIRAGAIA DOLDÁN
Hai só uns días tiven a oportunidade de realizar unha viaxe que levaba tempo dese- xando a esa terra tan curiosa e fascinante como é a da chamada, entre outras cousas, polo seu verde Estremadura galega. Situada na zona noroeste da provincia de Cáceres, arrodeada das montañas da Serra de Gata e lindeira con Portugal áchase a ricaz terra do Val do Xálima coas súas carballeiras e soutos, coas súas oliveiras e vides. Na cunca do río Ellas localízanse tres concellos singulares denominados na súa propia fala: Valverdi du Fresnu, San Martín de Trevellu e As Ellas. Un conxunto de elevados cumios pertencentes ao Sistema Central, dos que sobresae cos seus 1.492 metros o pico Xálima, dificultaron as comunicacións terrestres, mantendo illado durante séculos este val.
Durante a Idade Media esta terra foi repoboada principalmente con colonos galegos. O sorprendente é que despois de sete séculos aínda se manteñen tradicións semellantes ás galegas, estando afastados centos de quilómetros da Galiza administrativa, como as relativas á noite de San Xoán ou á dos magostos, aquí chamados borrallós. Estas tres vilas contan cunha gastronomía, coa arquitectura popular dos chozos, semellantes ás nosas pallozas, cuns trebellos agrícolas e cunha toponimía que lembran ás galegas. Porén, o máis salientábel é a existencia da fala, utilizada por case a totalidade dos seus 5.000 habitantes, e que constitúe unha variante do galego-portugués medieval con algúns trazos asturianos. A fala, substancialmente a mesma, recibe distintas denominacións nas tres localidades: valverdeiro en Valverde, mañegu en San Martín e lagarteiru nas Ellas. Os habitantes deste val, sonado polo aceite ecolóxico de oliveira, están orgullosos da súa fala, utilizándoa acotío o 95% deles nas súas conversas. Aínda que non entrou nas escolas, os pais e nais comunícanse por medio dela cos seus fillos. Os que están na emigración tamén llela transmiten ás súas familias. Os amigables xalimegos ven a miúdo a televisión galega, preferindo as súas retransmisións futbolísticas. Cóntase que moitos pasaban por galegos no servizo militar e que na emigración suíza se relacionan frecuentemente cos galegos nos seus centros. O filólogo e profesor da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas e o mañegu Domingo Frades, membro correspondente da Real Academia Galega, levan anos estudando e traballando pola promoción da fala. A Xunta de Estremadura declarouna Ben de Interese Cultural no 2001. Agora só falta que a recoñeza no seu Estatuto autonómico.
Paga a pena viaxar a este recuncho de Estremadura. Recomendo parar en San Martín de Trevellu, por mor do seu conxunto magnífico de arquitectura popular, cos seus poios de cantaría na entrada das casas e os regatos polo medio das rúas. Casa Antolina, coas súas bonitas estancias e a amabilidade do seu persoal, constitúe unha excelente opción. Nestas terras lembraranlle ao galego que se achegue que eles usan máis a fala que moitos galegos a súa lingua, e amabelmente aseguraranlle que tamén forma parte da súa xente. O Val das Ellas podería ser un sanatorio excelente para curar moitos galegos afectados de diglosia e da epidemia da galegofobia.
martes, 11 de agosto de 2009
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario