jueves, 5 de febrero de 2009

Independencia da Agra do Orzán. O Parque do Observatorio.

A construcción dunha urbanización no actual espazo que ocupa o Observatorio Meteorolóxico e o chamado campo da Burra foi a pinga que colmou o vaso. Con moita ironía e, no medio dun carácter festivo, o 26 de xuño de 2008, os veciños do Agra do Orzán celebraron o seu particular “Día da Independencia”, erixíndose como entidade municipal autónoma.
Mais ao final non foi tal. O rexedor agrense sorprendeu botando o freo de man no tramo final do seu discurso, avisando que a separación do concello coruñés esperaría: “(...) non imos proclamar este novo Concello no día de hoxe. Imos esperar un pouco máis. Esta bandeira gardarase definitiva ou temporalmente.”, en referencia á bandeira creada para tal insigne ocasión. O certo é que abriuse un prazo de reflexión cunha soa esixencia: o diálogo co Concello da Coruña.
Con este peculiar acto a Plataforma pola Defesa do Parque da Agra pretendía dar un toque de atención ao Concello sobre o desexo de moitos dos residentes da zona: a creación dun gran parque nos terreos do Observatorio. O actor Xosé Carlos Mejuto fixo as veces de alcalde. Xunto á súa comitiva, chegou á zona do Observatorio vitoreado por un centenar veciños para pronunciar o seu discurso. Cualificou o acto que presidía de “enorme e transcendental”, xa que supuña “(...) a aparición dunha nova entidade municipal non noso país”. Na súa intervención, o rexedor indicou que un barrio como o seu, con 70.000 veciños e 20.000 coches, carece dos servizos esenciais básicos: “(...) non hai parque, mellor dito, temos ou mini-yonki-xardín dás Conchiñas, non hai escola infantil municipal, nin biblioteca nin centro de día, nin centro cívico (...)». Foi neste intre cando foi interrompido por un suposto espontáneo para manifestar a inxustiza desa xeneralización nas Conchiñas: “non se pode xeneralizar, -dicía con ton coruño-, que algúns tomamos só auga”. Os encargados de seguridade obrigárono a desaloxar. O alcalde, seguindo coa súa intervención, apelou ao número de habitantes do barrio: “(...) seriamos ou oitavo concello de Galiza e teríamos que recibir as axudas correspondentes á nosa importancia”.
Ao finalizar a intervención, deixando en suspenso a emancipación da Agra do Orzán, o mandatario invitou aos veciños a percorrer as rúas do barrio coa consigna xa coñecida de “PARQUES SI, VIVENDAS NON”.
Este acto da independencia da Agra comezara a media tarde con actividades diversas coma por exemplo un partido de futbolín humano que en realidade se converteu nun partido de fútbol entre unha selección de nenos do barrio. Asemade, en todos os actos deste “histórico día” a música de percusión e gaita, como non podía ser doutro xeito, non faltou a súa cita.

No hay comentarios:

Publicar un comentario