A Asociación de Veciños da Agra do Orzán, na cidade da Coruña, quere manifestar a súa preocupación pola situación na que se encontra na actualidade o medio rural galego, especialmente pola conxuntura grave dos produtores de leite.
Calquera país que desexe contar con autonomía alimentaria e cunha boa economía debe contar cun sólido medio rural que as sustente. Ademais, o medio rural galego sempre foi onde mellor se conservou a nosa lingua e cultura.
Porén, desde hai décadas vense producindo unha desertización do noso medio rural, agravada aínda máis a partir da entrada do noso Estado na UE. O goberno central e a súa ministrra Elena Espinosa aínda non se decataron da necesidade urxente de apoiaren ao sector leiteiro galego, a columna vertebral do noso agro, ameazado coa clausura inmediata das súas explotacións, por mor da políticas europeas que se seguen, nunca cuestionadas polas institucións estatais. Se isto chegase a suceder a economía galega sufriría un importante retroceso, o mesmo que a nosa autonomía como pobo.
Por todo o anterior, a Asociación de Veciños da Agra do Orzán desexa efectuar un chamamento a todos veciños e veciñas do populoso bairro coruñés da Agra do Orzán para que só merquen e consuman leite e derivados procedentes das granxas e explotacións gandeiras galegas. Débese evitar, por tanto, a adquisicón en tendas e supermercados das marcas brancas e do leite procedente de fóra.
Os máis de 40.000 veciños e veciñas da Agra tamén podemos contribuír activamente á causa xusta do mantemento e desenvolvemento dos sectores produtivos do noso campo.
miércoles, 20 de mayo de 2009
Suscribirse a:
Enviar comentarios (Atom)
No hay comentarios:
Publicar un comentario