As rúas de Compostela, desbordando as máis optimistas previsións, viviron o pasado 17 de maio a manifestación galeguista máis grande da historia. Unhas 40.000 persoas procedentes de todos os puntos de Galiza, de todas as idades e condicións, ateigaron, malia as pésimas condicións meteorolóxicas, de xeito cívico a zona vella compostelá para expresaren o seu compromiso coa lingua galega. Nunca se alcanzara tan elevada participación nunha manifestación pola defensa da nosa lingua e cultura. Nin sequera en ningún dos concorridos 25 de xullo se chegou a esa cifra de manifestantes. A grandiosidade e a emoción da xornada, na que miles de persoas expresaron con orgullo a súa galeguidade, a súa pertenza ao pobo galego, convertérona nun dos grandes fitos históricos de Galiza, como anos antes foi a masiva concentración popular polo Prestige.
Malia todo, a defensa da nosa lingua segue moi viva. Calquera cidadán consciente mobilizarase se sente ameazada a dignidade e a esencia do seu pobo. Rexeitará que se xogue coa súa lingua ao utilizala como un simple medio electoral, comprometendo a súa conservación e normalización, porque iso evidenciará o menosprezo que se ten con ela. A lingua é patrimonio común e a máis sobranceira criación das sucesivas xeracións dun pobo. É superior a calquera ideoloxía ou grupo político. Todos, mesmo os conselleiros da Xunta, teñen o dereito a usala e o deber de conservala. E o parlamentario ou cargo público que a descoñeza debería por respecto á cidadanía sentirse obrigado a estudala axiña.
A macromanifestación do domingo pasado e as declaracións dos principais dirixentes do BNG e o PSOE galego a prol da normalización da nosa lingua terían que facer reflexionar a Núñez Feijóo para que restaure o pasado consenso lingüístico, dinamitado unilateralmente polo seu partido. Debe lembrar tamén que os votos que obtivo son menos que os correspondentes á suma das outras dúas organizacións políticas.
Sería unha irresponsabilidade pola súa parte seguir guiándose por esa minoritaria e ultra asociación viguesa á que lle acaería mellor a denominación de España Monolingüe. A maioría dos galegos e galegas non subscriben as propostas conflitivas e lingüicidas dese grupo. Pretenderen segregar os estudantes segundo a lingua que utilicen ou que os pais decidan sobre o sistema educativo dos seus fillos, alén de ser un despropósito, resulta dificilmente realizábel polos custos económicos e os problemas legais que ocasionaría.
No hay comentarios:
Publicar un comentario