A “Plataforma polo Parque da Agra” e a “Asociación de Veciños da Agra do Orzán” plantarán unhas árbores como crítica ao exceso de cemento no barrio e na cidade da Coruña
A “Plataforma polo Parque da Agra” e a “Asociación de Veciños da Agra do Orzán” teñen pensado realizar a plantación de árbores este venres día 5 de xuño, ás 7 da tarde, nos terreos do Observatorio Meteorolóxico (entrada pola rúa Canceliña) como celebración do Día Mundial do Medio Ambiente.
Con esta acción, para a que se anima á participación de todos os veciños e veciñas da Agra do Orzán, preténdese simbolizar a oposición a que se especule cos terreos públicos do Observatorio –correspondentes ao Ministerio de Medio Ambiente- e cos privados que os arrodean. Os veciños e veciñas da populosa Agra non queremos que no único espazo libre que queda na nosa zona se constrúa unha macrourbanización de vivendas, no canto do parque ou zona verde que necesitamos e que desde hai anos vimos demandando.
Queremos expresar a nosa radical oposición á política urbanística “desarrollista” que se segue a manter polo Concello da Coruña, que vai acabar por cubrir toda a súa superficie de cemento. Só con desprazármonos, por exemplo, á cidade de Santiago de Compostela podemos comparar a enorme diferenza entre as políticas urbanísticas dos dous concellos. Na cidade compostelá creáronse nos últimos anos amplas e numerosas zonas verdes repartidas polos seus barrios, mentres que na Coruña se seguen a construír grandes edificios pegados uns aos outros, sen zonas verdes que os esponxen, deteriorando definitivamente a calidade de vida dos seus moradores.
Nunha data tan especial como é a do Día Mundial do Medio Ambiente desexamos manifestar a nosa defensa dos valores ecoloxistas, da conveniencia de conservar o noso medio natural e da necesidade de creación de zonas verdes e espazos de lecer nos entornos urbanos masificados, como o que representa o noso barrio da Agra do Orzán.
Nós plantamos árbores, mentres o Concello da Coruña arrincou hai uns meses os poucos que había na rúa Barcelona, converténdoos en leña. Velaí o ecoloxismo da Concellaría de Urbanismo e do señor Alcalde!
Por unha calidade de vida para A Agra!
Polo Parque que necesitamos!
Parque si, vivendas non!
E menos mal que uns cantos veciños se moven para non quedar sen zonas verdes se non...Gracias por plantar e por denunciar aos que se ocupan de talar
ResponderEliminar