miércoles, 26 de agosto de 2009

Israel e Palestina

Se se viaxa a Xerusalén observarase a forte presenza do monoteísmo nalgunha das súas tres formas relixiosas. Non se trata só da pegada profunda, intolerante e violenta do xudaísmo, cristianismo e islamismo na historia desta cidade, senón tamén a súa expresión contemporánea, ás veces non menos esencialista e radical. Por desgraza, aínda que o sangue non chegue sempre ao río, séntese o tribalismo asociado á relixión, que se expresa como diferenciación e defensa do grupo propio perante os outros. A crenza na superioridade ideolóxica grupal e o fanatismo derivados, levan á pelexa polo control dos lugares santos e o seu espazo correspondente. Pasa o mesmo co mesmo cristianismo, que compite nas súas distintas versións polo dominio da basílica do Santo Sepulcro en Xerusalén e da Natividade en Belén. Nesta terra denominada santa falta, como noutras partes do mundo, algo de laicismo san, e que a relixión fique no ámbito privado e non se entremeta no terreo político, para que agromen a tolerancia e a paz.

Se non houbese en Europa desde o XIX o rexeitamento, os progroms e o holocausto contra os xudeus non surxiría o sionismo, e ningún organismo internacional pensaría na creación dun fogar nacional para eles nin na partición de Palestina entre xudeus e árabes. O que pretendía ser un refuxio perante a intolerancia relixiosa e política europea transformouse noutra cousa, producíndose unha ocupación progresiva do territorio palestino e o surximento de centos de miles de desprazados palestinos a outros países e localidades. Os palestinos pagaron inxustamente as consecuencias da intolerancia secular europea anterior cos xudeus.

O estado de Israel, malia anexionar considerábeis poboacións árabes, naceu como estado xudeu, convertendo a aqueles en cidadáns de segunda ou en refuxiados sen terras. E o sionismo socialista primixenio deu paso nas últimas décadas á radicalización revisionista representada polo actual Likud. Xa non se trata do acollemento dos perseguidos polo antisemitismo secular, senón da expansión demográfica de Israel con inmigrantes económicos procedentes de Rusia e de Latinoamérica, seguindo coa creación de novas colonias forá das fronteiras recoñecidas pola ONU.

No hay comentarios:

Publicar un comentario