Dentro da iniciativa A Cidade dos Barrios, impulsada pola delegación da Coruña do COAG e dirixida polo estudio mmasa, os integrantes do colectivo desescribir diriximos o 4º dos obradoiros no que traballaremos dentro do sector no que se atopan San Cristovo das Viñas, Feáns e Mesoiro. Nesta zona da Coruña o tecido urbano atópase con preexistencias do mundo rural sen que ata o de agora estas dúas realidades puidesen coexistir axeitadamente. Xurde así a reflexión sobre que características do hábitat rural deben de ser mantidas e potenciadas, e que estratexias se deben de xerar para as aproveitar, valorar e integrar dende unha perspectiva de cidade e vida contemporáneas. Empregarase o mecanismo do proxecto e creación dunha área de hortas urbanas na zona como ferramenta de traballo para a integración, tanto a nivel físico como social e de uso, entre o urbano e o rural.
Esta actividade permitirá revalorizar uns terreos na actualidade abandonados ou sen uso e promove-la protección ambiental e de conservación de valores ecolóxicos, paisaxísticos e culturais. Búscase tamén promove-la creación e mantemento de espazos libres na cidade así como fomenta-la práctica da agricultura ecolóxica. Buscaranse estratexias participativas para a xestión das hortas das que poderán tomar parte tódolos habitantes da cidade interesados. Posibilitarase o desenvolvemento de tarefas educativas, de transmisión de coñecementos, así como a promoción de prácticas de produción para autoconsumo, de consumo responsable e xeitos de vida e alimentación saudable
Buscamos recuperar antigas hortas e terreos abandonados no Val de Feáns para poñelos de novo en uso, contribuíndo así á súa axeitada conservación e mantemento.
A intención é que os propietarios de terras na actualidade sen uso as cedan ou aluguen a persoas de calquera zona da cidade que estean interesadas en traballalas como hortas e cultivos. Estas pequenas parcelas permitirán o cultivo para autoconsumo así como desenvolver nelas actividades de ocio e educativas.
Queremos explorar así alternativas de futuro para as áreas rurais da cidade A Coruña, para podelas integrar con tódalas súas virtudes dende a perspectiva da cidade e vida contemporáneas
www.hortasnacidade.wordpress.
No hay comentarios:
Publicar un comentario